Saturday 27 de April de 2024

A Xunta colabora co Instituto da Muller e as asociacións de empresarias para aumentar a seguridade das mulleres na internet


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe en Lugo na presentación do obradoiro ‘Confianza e seguridade das mulleres na Rede’

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou na presentación dun obradoiro no marco do Programa ATENEA sobre “Confianza e seguridade das mulleres na Rede”, que pretende capacitar as mulleres para un uso responsable e seguro en Internet, conciencialas dos posibles riscos que se poden atopar nela e darlles unha serie de recomendacións e consellos para previlos.

Este de Lugo será o primeiro dos catro obradoiros provinciais que van desenvolver a Secretaría Xeral da Igualdade en colaboración co Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades e as Asociacións de Empresarias de Galicia. A iniciativa conta con 20 alumnas por obradoiro e está cofinanciada polo Fondo Social Europeo.

As novas tecnoloxías poden achegar á sociedade múltiples oportunidades e beneficios pero tamén novos riscos. Como en moitos outros ámbitos, as mulleres presentan maior vulnerabilidade a algúns destes riscos: as fendas dixitais de xénero poden dificultar o acceso ao emprego, á formación ou á información en xeral; e mesmo poden aparecer novos riscos de sufrir violencia de xénero.

Os datos estatísticos amosan, en relación coas fendas dixitais de xénero no acceso e uso das novas tecnoloxías, unha tendencia a reducirse. Non obstante, seguen existindo diferenzas no uso do comercio e banca electrónica, as descargas de software ou a percepción sobre a seguridade na rede.

Con esas premisas, esta semana desenvolverase un obradoiro nas catro provincias galegas -os próximos días serán na Coruña, Pontevedra e Ourense- dirixidos a mulleres con coñecementos en Internet e informática a nivel usuarias. A través de diversas actividades, as participantes descubrirán conceptos básicos sobre a seguridade na Rede e participarán en casos prácticos que facilitarán a aprendizaxe mediante a reflexión en grupo.

Entre outros contidos, estes obradoiros abordarán a identidade dixital, a reputación on line,, a privacidade ou o uso de ferramentas de seguridade na Internet. Ademais se lles ensinará a crear contrasinais seguros, comprobar a fiabilidade das webs que visitan e configurar adecuadamente o nivel de seguridade do seu navegador. O último bloque estará dedicado aos riscos nas redes e as ‘tecnoadicións’, abordando conceptos como a sextorsión, o ciberacoso, o grooming ou a suplantación de identidade.